25S: o cambio real non cabe nas urnas

 

“Despois de se opor [ao sufraxio universal] durante moito tempo, a burguesía comprendeu que este non podía nin remotamente comprometer a súa dominación, e aceptouno con ledicia.”

Piotr Kropotkin

O próximo 25 de setembro terán lugar as eleccións autonómicas galegas. Nestas, diversas forzas disputan os escanos no parlamento e que, independentemente de amosarse máis conservadoras ou máis progresistas, de ser cualificadas dende os medios de comunicación como “tradicionais” ou “da nova política”, son claramente defensoras do actual sistema económico, político e social.

Todas elas, defenderán os intereses dos grupos dominantes no caso de chegar ao poder do Estado, debido a que a vía electoral impide rachar  coas estruturas que substentan a estas elites. A isto hai que sumarlle que estas estruturas acomodan aos individuos cos desexos de cambio social máis sinceiro, alonxándoos das masas populares e achegándoos aos intereses dos sectores máis poderosos da sociedade.

As experiencias amosaron que os verdadeiros triunfos sociais viron da man da loita social. Con todo, estas victorias non son sempre sinxelas de lograr, precisando xunto á organización e a loita constante, de tempo, paciencia e forte compromiso.

Fronte a isto, as forzas electorais usan as diversas loitas e movementos como simples instrumentos para as súas fins: obter máis escanos, e se é posible, chegar ao Goberno. Este proceso acaba sometendo a loita aos intereses electoralistas, facendo que as loitas acaben en segundo lugar e que as organizacións en cuestión se esquecen dos intereses das oprimidas.

Ningunha das forzas electorais cuestiona o marco político económico, e non pode propor dende o goberno alternativas que rachen co actual sistema capitalista e a explotación da clase operaria. Ningunha destas forzas pode esmagar co heteropatriarcado nin a opresión da muller e das XODI dende as actuais esferas políticas. Ningunha destas forzas dende o parlamento pode cuestionar a existencia do Estado e rachar marco autonómico, creado no contexto da Transición e que non garante a plena autodeterminación do pobo galego. Ningunha destas forzas  pode levar adiante medidas contra a destrución do noso medio que ataquen a súa causa principal: o actual marco capitalista e o agresivo espírito desenvolvementista.

É por esta razón que dende Liza chamamos á abstención, xa que consideramos fundamental que hai que rachar con estas dinámicas oportunistas e buscar crear un movemento independente e forte de transformación social. Un movemento que garanta o avance cara unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre. Unha sociedade sen Estado, na que a través da democracia directa e o federalismo se remate coas inxustizas económicas. Unha sociedade na que se remate coa discriminación a persoas XODI e as mulleres esmagando as estruturas de dominación heteropatriarcal que oprimen a estes grupos. Unha sociedade na que haxa un equilibrio entre o benestar humano e do medio, a través da ecoloxía social. Unha sociedade sen capitalismo, na que se lle poña fin ao actual sistema-mundo que xenera un centro formado por unha serie de países imperialistas que expolian ao resto e sexa a fin do traballo asalariado e das clases sociais. Unha sociedade, en definitiva, comunista libertaria.

A emancipación das oprimidas será obra de si mesmas ou non será!

Morte ao Estado, ao heteropatriarcado e ao capitalismo!

Pola autodeterminación do noso pobo!

O cambio real non cabe nas urnas!

Loitar, crear, poder popular!

25s

Be the first to comment

Leave a Reply

Your email address will not be published.


*