| 6 de decembro, a transformación do réxime franquista |

O 6 de decembro do 1978 foi ratificada a Constitución Española, sendo redactada por elementos das elites franquistas e de certas forzas provintes da oposición ao Réxime ditatorial. Esta supuxo a transformación do réxime franquista imperante nunha monarquía parlamentaria, mantendo o dominio da clase capitalista e a continuidade das elites políticas e económicas. Este proceso, coñecido como Transición democrática, implicou a represión da clase traballadora para silenciala e impedir que lograse os seus proxectos de transformación social.

No momento en que Adolfo Suárez chegou ao Goberno no 1976, comeza a elaboración do que vería a ser a ferramenta máis útil para todas aquelas persoas que se mantiveran no poder dende o comezo da ditadura, a Lei para a Reforma Política, a cal, obtivo o respaldo da maioría das Cortes franquistas (pois esta lei non era nada máis que un “seguro de vida” para oselementos ligados ao Réxime anterior, que, a parte de asegurar a súa futura liberdade, tamén aseguraban poder manter os seus privilexios e poderes políticos, como aconteceu no caso de Manuel Fraga ou en Gabriel Cisneros, pais da Constitución). Esta lei recollía principios básicos dun sistema democrático burgués: soberanía popular, dereitos e liberdades e división de poderes na teoría, pero todos eles irrealizables na práctica dende o momento en que o Estado é unha estrutura política que defende só á clase dominante.

O artigo 1.2 establece que a soberanía nacional reside no pobo, contando este con tres formas de participar na política institucional:

-A primeira é nas votacións de elección dunha representante, que na praxe supón o sometemento das masas á minoría que as goberna.

-A segunda forma de participación sería o referendo, que conta cun carácter consultivo e non vinculante, realizándose só tres consultas dende o 1978 e en todas elas co poder mediático posicionándose da forma que o desexaban as elites para asegurarse do control da opinión pública e obter os resultados desexados, creándose así unha falsa ilusión democrática.

-A terceira e última forma é a iniciativa popular, que consiste en conseguir 500.000. Esta forma de “participación” comeza coa elaboración dun escrito dirixido á mesa do Congreso, onde se decide se aceptala ou rexeitala, sendo non vinculante.

Do mesmo xeito, o artigo 1.3 establece que a forma do Estado é a Monarquía Parlamentaria, dotando a unha familia duns privilexios que perduran indefinidamente no tempo e que foi establecida na xefatura do Estado polo ditador Francisco Franco.

Por outra banda, o artigo 2, exemplo claro de españolismo, fundamentando a Constitución na “indisoluble unidade da nación española” non permitindo deste xeito a autodeterminación dos pobos e impedindo un desenvolvemento social, cultural, estrutural e económico propios, senón que os centraliza e lexisla para todas por igual, sen ter en conta as diferenzas e problemáticas individuais, sendo estas tendencias que reproducen as estruturas estatais e capitalistas. O Estado español constitúese así como un cárcere de pobos.

O artigo 10.2 recoñece a Declaración de Dereitos Humanos, carta que non é quen de cumprir como se pode apreciar nos cárceres e nos CIEs, onde as presas e migrantes padecen día a día a opresión do Estado e o artigo 14 afirma a igualdade ante a lei, cando esta serve claramente aos grupos privilexiados, agochándose así unha farsa ideolóxica tras esta afirmación.

O carácter de defensa das elites que a Carta Magna ten pode apreciarse na maior parte das leis penais, que non son máis que un medio de coacción para que o pobo respecte a propiedade privada. Do mesmo xeito, a Constitución garante o sistema de explotación laboral ao afirmar o deber do traballo, é dicir, o deber da clase traballadora a ser explotada. A libre elección de profesión queda anulada, dentro do sistema capitalista, no que a clase traballadora non é dona da súa vida. Igualmente, o artigo 47 fala de forma hipócrita do dereito á vivenda, xa que o sistema político e económico actual non é quen de garantila.

Ante esta situación, as oprimidas só temos unha opción, a de conquistar a liberdade e igualdade, derribar todo o seu sistema positivista de leis institucionalizadas e protexernos entre nós, logrando un sistema organizado de xeito horizontal, sen leis que nos ataquen, sen xerarquías que nos sometan, lembrando o legado que desexaron as revolucionarias que loitaron no 1936 e que foron brutalmente represaliadas. Para lograr isto, precisamos esmagar o capitalismo, o heteropatriarcado e o Estado e construír unha alternativa comunista libertaria.

Pola autodeterminación dos pobos!

Contra toda forma de opresión!

Todo o poder para o pobo

6-decemmbro

Be the first to comment

Leave a Reply

Your email address will not be published.


*