A devastación do noso medio fai a súa riqueza.

Cada verán repítese a mesma imaxe. Os nosos montes consumidos por chamas que causan grave impacto sobre o medio, destruíndo ecosistemas, afectando á conservación das especies, desertizando o solo e causando un impacto negativo sobre a atmosfera. Así mesmo, os incendios tamén afectan directamente á poboación ao causar víctimas mortais e estragos materiais.

Como en ocasións pasadas, as declaracións das autoridades autónomicas sinalan a un suposto “instinto criminal” ou a manida figura da pirómana, así como descoidos e a irresponsabilidade en xeral da poboación, todo sexa para desviar a nosa atención e librar de responsabilidade a unhas institucións ao servizo do lucro privado máis depredatorio, as cales descoidan a prevención e incluso incentivan a queima do noso montes. Un exemplo disto é a lei que permite recalificar o terreo queimado, favorecendo así a queima dos montes para realizar pácticas especulativas. A isto hai que sumarlle outros factores económicos como a comercialización para usos industriais da madeira queimada e as estensións de solo adicadas ao monocultivo (particularmente de eucalipto). A Xunta, actúa como xestora do interese privado, desmantelando os servizos públicos de profesionais técnicas orientadas á prevención en primeira instancia, e a preservación do medio en toda a súa diversidade, fomentando o equilibrio natural e o bosque autóctono, así como de privatizar os servizos de extinción de incendios e precarizar as condicións laborais das traballadoras do sector.

Ante esta situación, debemos exixir unha mellora na xestión dos montes e loitar contra a privatización desta. Así mesmo, cómpre impulsar e apoiar as accións das operarias do sector contra a precariedade laboral. Outro punto fundamental pasa por erradicar os monocultivos, especialmente os orientados a especies foráneas coma o eucalipto australiano, que seca o terreo, principal razón da propagación de incendios e amosar unha oposición clara á especulación do solo. Garantir implicación da poboación é algo fundamental, sendo necesaria a concienciación desta e tratar de construír modelos de xestión comunitaria e participativa dos montes.

Por unha xestión comunitaria, ecolóxica e social dos nosos montes!
Opoñámonos ao capitalismo para salvar os nosos ecosistemas!

INC€NDIOS

Be the first to comment

Leave a Reply

Your email address will not be published.


*