| A NOSA SORORIDADE CONTRA A SÚA VIOLENCIA |

Hoxe é 25 de novembro pero onte tamén o foi e desgraciadamente mañá tamén o volverá a ser. Seguirán estando aí a cousificación dos nosos corpos, a violencia tanto física como psiquíca, o acoso sexual, a brecha salarial e os roles de xénero. Seguirán estando aí porque non son feitos illados, senón que pertencen a un sistema chamado patriarcado.

Non queremos que a nosa loita sexa escoitada soamente un día nin que as grandes multinacionais se apropien dela empregando un discurso que identifica a violencia machista unicamente coas accións directas pertencentes ao ámbito sentimental, esquecéndose doutras grandes partes da nosa vida nas que somos vexadas, maltratadas, violadas e infravaloradas, porque a creación de roles e a imposición de modas que atacan o corpo das mulleres, tamén é violencia. Algo semellante ocorre coas Institucións, que énchense a boca con campañas propagandísticas nas que venden igualdade e respecto pero en realidade non existen iniciativas por parte delas para logralo, porque é algo que verdadeiramente non lles interesa.

Queremos acabar con esta hipocresía que o único que consegue é ritualizar datas e non cuestionar as actitudes diarias que perpetúan a situación actual. Porque cremos que a chave para mudar este contexto consiste en loitar diariamente. Por iso empregamos a nosa sororidade como arma, respostando xuntas ante calquera agresión e recalcando que as vítimas non somos as culpables, porque mentres que a nós se nos ensina a non ser violadas a eles non se lles cuestiona o dereito a facelo.

Construamos feminismo organizado. Formémonos. Reivindiquemos a historia das silenciadas e berremos o que moitas calaron por medo. Saquemos a nosa raiba e deixemos atrás a culpabilidade. Fagamos do persoal o político, da indiferencia a solidaridade. Deixemos de autodestruirnos para plantarlle cara ao que sempre nos destruiu.

Por todas as asasinadas, as violadas, as marxinadas e as que sufrimos por culpa do sistema heteropatriarcal. Construamos unha nova realidade.

final-jpeg-1

Be the first to comment

Leave a Reply

Your email address will not be published.


*